Monday 29 de April de 2024

A loita contra a violencia machista e a protección cidadá vertebran a Xunta Local de Seguridade na Pobra


A evolución da seguridade, os dispositivos de protección cidadá previstos para os festexos da tempada estival e o seguimento dos casos de violencia de xénero centraron a Xunta Local de Seguridade do Concello da Pobra do Caramiñal que se desenvolveu neste 2 de xuño, copresidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e precedida dunha visita ás instalacións da Garda Civil e da Policía local.

Retómanse así estes encontros de traballo periódicos trala pausa ocasionada pola pandemia. O Concello da Pobra do Caramiñal e a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña traballan conxuntamente en medidas que supoñen un paso adiante na loita contra a violencia machista. Así, en datas próximas constituirase a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero despois da fase formativa acometida con membros da corporación municipal, persoal técnico da Administración local, Policía local, Garda Civil e representantes do eido educativo e do tecido asociativo. Nesta mesma liña, proseguen os trámites para incorpora-lo corpo policial pobrense ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero VioGén.

Ao respecto dos feitos delitivos, constatouse que as cifras amosan unha tendencia descendente en comparación con 2021: as infraccións penais diminúen nun 23%, graves nun 18% e leves nun 27%. Con relación ás estafas telemáticas, esta tipoloxía de delincuencia está á alza globalmente, polo que cal apela á prevención no uso dos dispositivos electrónicos. Continuarase, polo tanto, tal e como se fixo ata o de agora, potenciando a colaboración entre as forzas de seguridade no municipio.

No encontro tamén se informou das medidas por establecer para as festas que teñen lugar durante o verán co obxectivo de afianza-la seguridade no transcurso deste tipo de eventos.

A xuntanza tamén contou coa presenza do concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra); a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; e responsables da Garda Civil, da Policía autonómica e da Policía local, entre outras persoas.